Ska Balkan Speed-Folk

FESTIVAL DE CANS

19.04.2008 10:18

O Festival de Cans é unha cita alternativa e divertida coas mellores curtametraxes galegas. Un peculiar festival de curtametraxes que este ano chega a súa quinta edición. De novo a aldea de Cans, no concello do Porriño (Pontevedra) convértese por uns días no epicentro do terremoto cinematográfico do país.
No Festival de Cans proxéctanse curtametraxes galegas, pero é moito máis ca un festival de curtas. Transcurre na fin de semana do 21 ao 24 de maio, con algunhas actividades espalladas ao longo do mes. Casualmente coincide co Festival de Cannes, que nesas mesmas datas reúne na Costa Azul ao máis glamouroso da cinematografía mundial.
O Festival de Cans toma por completo a aldea: o torreiro da festa, xunto coa igrexa parroquial, é o punto de encontro onde teñen lugar os concertos e a entrega de premios. Espalladas por Cans atópanse as salas nas que se van proxectar as curtas deste ano: alpendres e baixos cambian por un día os seus usos habituais para convertirse en salas de cine.  Estade atentos e atentas para facervos cunha entrada para poder ver as curtas a concurso (de ficción e de animación). E para os que non teñades bono, a diversión está garantida: actuacións musicais, Can Parade, bo ambiente, curtas no "Jalpón Friki", concurso de videoclips e outras proxeccións. Actividades gratuítas abertas a todo o público.
O festival organízao a Asociación Cultural Arela, formada por xente nova do Porriño e Mos, baixo a coordinación do guionista Alfonso Pato. Ademais dos diferentes patrocinadores e colaboradores, é moi importante o apoio dos veciños. Eles ceden as “salas” de proxeccións e poñen a disposición do público os seus chimpibuses, pequenos tractores que resultan o medio de transporte público idóneo para o festival.

 

Volver

Sitio de búsqueda

© 2008 www.cuchufellos.com